volver a concursos
 

ganadores xxiii edición del premio julio camba


Haga "click" sobre un premio para más información.

 

TRABAJO PREMIADO EN LA XXIII EDICIÓN

PRIMER PREMIO

ESTAMPAS E AFORISMOS

O mestre preguntáranos que queriamos ser de maiores e un de nós levantou a man e dixo: ¡Emigrante!

Emigrante. Residente Ausente Presente. Ausente Presente Residente. Presente Residente Ausente. ¡Emigrante!

Coidado coa morriña. Os que marchaban sentían morriña, os que quedaban no muelle ou na estación, máis morriña.

Non é o mesmo o tren de vida que o tren da vida.

A maleta do inmigrante que chega de África é a maleta do emigrante que marchou a América.

O cimeterio máis grande de Galicia é o inmenso camposanto de La Habana. ¿Ou será o da Chacarita de Bós Aires? Hai outro, máis pequeno, en Saint Jean de Terranova.

Nun partido de fútbol, un dianteiro meteulle tres goles a un porteiro que tivo tres fallos. Os dous emigraron xuntos, no mesmo barco.

Como se comprobou no reconto electoral, non votaron os mortos, pero votou algún difunto despistado.

Emigraron os máis novos, os máis inquedos, os máis decididos.
Ficamos nós.

A paisaxe máis fermosa de Galicia é a que está a ver un galego en Nova Zelanda.

Reforma do Estatuto de Autonomía. Primeiro artigo: Galego pode selo calquera.

No Metro, en Londres: Falo mellor inglés que os ingleses. Aprendeumo Black Beuty. ¿Quen era Black Beuty? Era un cabalo moi listo que saía na televisión.

No Metro, en París: A miña nai é galega, o meu pai é checo, e eu son francesa. Pero o que máis me gusta é a Love Parade.

Cando se fixo home, foi na busca do seu pai, á Arxentina. Non o chegara a coñecer. Non se sabía nada del. Non escribía cartas. Atopouno nun vello vagón de tren, nunha vía cega da Pampa. Estaba afeitándose. Polo espello, o pai viu como alguén se achegaba. O espello estaba crebado en diagonal e dividía os dous rostros. Sen falar, o fillo agardou ata que a navalla barbeira raspou a derradeira illa de espuma no mapa da cara. Logo díxolle soamente: “Vamos pra casa, señor”.

Un periodista arxentino, nos anos trinta: Os mellores tangos cántanse na Coruña.

Pé dunha fotografía de traballadores na construcción do canal de Panamá: Group of gallegos.

En Xenebra. Un home: Prefiro Galicia, aínda que sexa vivindo nun cortello. A muller: Pois eu aquí son feliz.

O mundo do revés: Traballar de sol a sol na construcción en Canarias, vir de vacacións á Terra e agradecer a beizón da chuvia na cara curtida.

Os emigrantes máis sensibles descobriron moi pronto cal era o mal que atoraba Galicia. O primeiro que facían era recoller fondos para construir escolas nos lugares de orixe.

As autoridades inauguran obras con fachendosas placas nas que destaca o seu nome para pasar á Historia. Pero a mellor placa da historia de Galicia consérvase no edificio do Centro Galego de La Habana. Reza así: “En honor de Antonio Abad Fernández, Honrado obrero, Hijo de Galicia”.

En todas as vilas galegas hai un establecimento que leva o nome de París. En París, pola noite, a luz de neón dun bar: Le Galicien Fatigué.

En Hollywood, Rubia Barcia doblou a Gary Cooper. Dise que non hai cine galego. Non é certo. O noso cine foron as do far-west.

Titular de La Vanguardia, en Barcelona: “Los gallegos dan de comer”. Ben.

Luis Menéndez cóntame a apaixonante vida de Sofía Casanova. Pero a que a min máis me emociona é a da súa criada, Pepiña de Cecebre. Están enterradas xuntas, en Polonia.

É incrible que aínda non haxa un Museo da Emigración en Galicia. Pero mellor sería aínda que xa non houbera emigración.

Emígrase cando falla o pan, a liberdade ou a esperanza. Por certo, ¿que se sabe de Esperanza?

Manuel Rivas

Publicado en “La Voz de Galicia”
18 de noviembre de 2001

 



Haga "click" sobre un premio para más información.